O pasado 2 de febreiro marcou un momento significativo para os amantes dos videoxogos en Galicia, xa que o Museo do Videoxogo (MUVI) celebrou o seu quinto aniversario. Este fito non só conmemora o paso do tempo, senón que tamén nos permite apreciar o impacto cultural e artístico que o MUVI tivo dende a súa concepción. 

O MUVI, nado como unha iniciativa única na súa clase, é unha fundación dedicada á preservación, análise e exposición da historia pasada, presente e futura dos videoxogos. A súa labor busca enxalzar o videoxogo como arte e cultura, e as súas posibilidades tanto lúdicas como educativas. 

Afeccionados a Pioneiros 

A idea foi concibida por Galo e Jacobo Martínez, dous entusiastas dos videoxogos que dende temperá idade compartiron o seu amor por este medio. Dende os anos 80, gozaron de todo o relacionado coa industria cultural e comezaron a ver os videoxogos máis alá da súa faceta lúdica. 

Isto materialízase en 2007 baixo a forma dun proxecto chamado “Barité Museo”, destinado á preservación de dispositivos electrónicos de videoxogos. O proxecto suma apoios, crece e colabora con figuras da industria ata converterse en MUVI. O Museo do Videoxogo abriría as súas portas o 2 de febreiro de 2019, en Cangas, Pontevedra. 

A traxectoria do MUVI 

Desde a súa inauguración oficial, o MUVI posicionouse como un faro cultural en toda Galicia, ofrecendo acceso gratuíto a unha exposición que explora máis de 50 anos de historia da industria do videoxogo. Mais o seu impacto vai máis alá das súas exposicións físicas; o MUVI tamén se compromete a reivindicar o medio do videoxogo como unha forma expresiva cultural lexítima. 

En 2020, o MUVI estableceuse como a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, un fito que consolidou a súa posición como unha institución cultural chave na rexión. En xullo dese mesmo ano recibiu o recoñecemento como Fundación de Interese Galego. 

5 Anos despois 

Ao longo dos últimos cinco anos, o MUVI desempeñou un papel crucial na promoción e preservación do patrimonio cultural dos videoxogos en Galicia. Ademais de ser un destino para os entusiastas dos videoxogos, serviu como plataforma educativa para todos os interesados na industria do entretemento dixital, novos ou adultos; e promoveu eventos e charlas destinadas a axudar a entender o desenvolvemento de videoxogos en Galicia. 

Dende Videoxogo.gal, felicitamos o 5 cumpleanos a MUVI e desexamos que siga elevando este arte no seu porvir.