Convocatoria de Asemblea Xeral Extraordinaria o 16 de stembro de 2025
A Asociación Videoxogo.gal, asociación galega de videoxogos e contidos interactivos, segundo o disposto no Cap. III, Art. 24 dos seus Estatutos, convoca ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA para o día 18 de setembro ás 18.30h en primeira Convocatoria, coa asistencia da metade dos asociados como mínimo, e ás 18.45h en segunda Convocatoria, sen límite de participantes. A Asamblea será telemática, na canle «Reunións» habilitada no servidor de Discord da asociación.
Os candidatos presentados para o posto de vogalia son os seguintes:
- María Eijo López ‘Nullien’ (Santiago de Compostela, actualmente reside en Madrid) é Business Development Coordinator en Bandai Namco desde 2025.
Graduada en Marketing e Publicidade, conta cunha traxectoria de máis de oito anos no sector dos videoxogos e dos deportes electrónicos. Ao longo da súa carreira, colaborou con empresas de referencia no ámbito dos esports, como LVP, ESL e a axencia de contido Lageslag, participando en proxectos estreitamente vinculados ao ecosistema de Riot Games. Tamén desempeñou o cargo de responsable de comunicación no estudo de videoxogos Flying Beast Labs (Cateffect S.L.), onde participou activamente no desenvolvemento e lanzamento do videoxogo Magic Twins, que inclúe tradución a galego. - María Herrero (Vigo, 2001). Tradutora, localizadora e correctora especializada en tradución editorial e localización de videoxogos. Traballa con español, galego, inglés e francés; actualmente está a aprender italiano e xaponés, e ten colaborado en proxectos de narrativa infantil, textos académicos e localización de videoxogos. É graduada en Tradución e Interpretación e no Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional pola Universidade de Vigo, onde tamén cursou o Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento no programa de Tradución e Paratradución (T&P) da mesma universidade, cunha investigación centrada na localización de memes desde unha perspectiva tradutolóxica e paratradutolóxica. Desde 2023 divulga contido sobre tradución, localización e linguas en Tradumery, e desde 2024 compaxina o seu labor investigador co traballo profesional. Ademais, participou na organización de eventos e congresos no ámbito da tradución e a paratradución.
- Son Leo Espiña e os videoxogos lévanme apasionando dende os 15 anos. Comecei coa Wii familiar e posteriormente cunha 3DS propia e dende entón non parei de aprender e investigar tanto no presente coma no pasado do medio. Son graduado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Estudei dous anos deseño e programación centrado en Unity na escola telepresencial Tokio School. Actualmente vivo en Pontevedra e estou aprendendo sobre Godot e GDScript. Centrei o meu TFG na busca dunha narrativa propia de Galicia no videoxogo, tendo como resultado unha pequena ROM para Game Boy Color. En paralelo á aprendizaxe en Godot, busco tamén expandir este proxecto co obxectivo de convertelo nun videoxogo comercial, grazas tamén ao apoio da miña familia. Por estas circustancias, dispoño actualmente dunha maior flexibilidade e tempo “libre” do que permite un traballo normal e gustaríame usalo para axudar na asociación.
Recordámosvos tamén que podedes delegar o voso voto nun terceiro sempre que o notifiquedes por anticipado a través dun correo a info@videoxogo.gal, indicando en quen delegades o voso voto.
Grazas a todo o mundo pola vosa colaboración e vémonos o martes 16 ás 18:30 h no servidor de Discord.
A Xunta Directiva.
