Xa queda menos para Mundos Digitales 2024 e a conferencia comezou a revelar algúns detalles das súas actividades e planificación. A través de redes, a conferencia de Animación, Efectos Visuais e Novos Media confirmou a participación dunha das nosas socias, Cristina García Aradas, tamén coñecida como “Mapache”.

A desenvolvedora de videoxogos e actual Lead Level Designer en Merge Games foi anunciada como unha das ponentes desta nova edición de Mundos Digitales. Compartirá connosco a súa experiencia e coñecemento no terreo a través do seu segmento: “Más allá de los obstáculos. El arte de poner piedras”.

No pasado, a carreira profesional de Mapache comeza lonxe dos videoxogos. Nos primeiros anos traballou en series e longametraxes de animación 3D e desempeñou roles de producción e layout.

En 2020, Gato Salvaje recrutouna como Lead Level Designer e Lead of Lighting para un dos proxectos máis ambiciosos da historia do videoxogo galego, The Waylanders. Logo disto, impartiu o coñecemento adquirido na Universidade da Coruña, onde exerceu de docente en varias materias relacionadas cos videoxogos dende 2021 ata finais de 2023.

Actualmente, traballa como Lead Level Designer no videoxogo Smalland: Survive The Wilds do estudo británico Merge Games. En Mundos Digitales, ven a falarnos de como deron vida a este gran mundo, dende as primeiras fases de desenvolvemento ata o produto final.

Desconto do 50% para soci@s en Mundos Digitales 2024

Aproveitamos para lembrarvos que grazas ao acordo de colaboración con Mundos Digital, @s soci@s de videoxogo.gal poden beneficiarse dun desconto do 50% no prezo da entrada.

O único que tedes que facer é enviarnos unha solicitude ao noso correo info@videoxogo.gal co nome completo da persoa solicitante e un correo de contacto.

Lembrade que as prazas son limitadas.