O equipo galego LUA Gaming, socio de videoxogo.gal, debutará esta semana na primeira división da Superliga LVP, a máxima categoría de League of Legends no territorio español. O club de Iago Aspas e Ana Peleteiro demostrará a súa valía fronte a equipos xa establecidos, como o Barcelona, Team Heretics, Giantx ou o Movistar Koi de Ibai. Este 22 de maio debutará inaugurando a primeira xornada contra Giantx Pride.

LUA Gaming alcanzou o ascenso a Superliga LVP tras a rotunda vitoria 3-0 contra Stormbringers do mes pasado, que os coroaba como campións do split de primavera tan só 4 meses despois de entrar á competición. O conxunto esperou ate a semana das Letras Galegas para deleitarnos co seu anuncio, que incendiou as redes coa súa mensaxe de orgullo galego con poema de Rosalía de Castro incluido.

Os rivais deste mércores, Giantx Pride, xa quedaran no terceiro posto en playoffs do split pasado e conta con xogadores de talla internacional, como Juhan e Feisty. Non obstante, o equipo de LUA Gaming non lles ten nada que envidiar, especialmente con xogadores como DuaLL (Soporte) ou Sotsy (Top), que xa probaron a súa valía en Europa. Tamén contan coa incorporación de Tsiperakos (Mid) e Sn1lle (Xungla). Na posición de ADC, terán a Hazel, a nova promesa coa que conseguiron o ascenso.

O partido de LUA Gaming contra Giantx Pride terá lugar este 22 de maio ás 22:00 e será transmitido en vivo a través da canle de twitch da LVP. Tamén se enfrontará ao Barça eSports o 23 de maio ás 22:00.

#ToTheMuun