Nacen os Premios Videoxogo.gal 2025

A Asociación galega de videoxogos e contidos interactivos presenta a primaria edición dos Premios Videoxogo.gal, unha iniciativa creada coa vontade de recoñecer e por en valor o talento galego no eido do videoxogo, tanto no ámbito profesional coma no académico.

Estes galardóns nacen da propia comunidade videoxogo.gal e teñen como obxectivo fortalecer o tecido industrial e cultural do videoxogo en Galicia, destacando o traballo e a dedicación dos seus membros.

Os premios estrutúranse en tres categorías principais:
Socio do Ano, que distingue a quen contribuíse de maneira destacada ao fortalecemento da comunidade galega do videoxogo.
Talento en Formación, que recoñece proxectos académicos e traballos formativos que amosan talento emerxente e conexión entre educación e industria.
Mellor Xogo, que premia o videoxogo galego máis destacado do ano pola súa calidade, innovación e impacto.

Logo da fase de presentación de candidatura, xa contamos cos nominados nas tres categorías, aos cales trasladamos a nosa máis sincera noraboa polo seu traballo e pola súa contribución ao crecemento do sector en Galicia.

Actualmente atópanse abertas as votacións internas, nas que tódolos socios en activo poden participar para elixir aos gañadores desta edición. O proceso realízase mediante formulario verificado, garantindo a transparencia e a igualdade de oportunidades.


Compre Lembrar que os Premios Videoxogo.gal son un recoñecemento interno da asociación, un exercicio co que se busca poñer en valor o labor de quen forma parte da comunidade e seguir fortalecendo o noso ecosistema creativo e profesional.

Podedes encontrar a ligazón ao formulario de votación nas canles de Discord da asociación.