Primeira xuntanza de 2025 de Videoxogo.gal en Compostela

Primeira xuntanza de 2025 de Videoxogo.gal en Compostela

Este sábado 2 de marzo celebrouse unha xuntanza presencial no Centro Sociocultural Fontiñas de Santiago de Compostela. Neste evento presentaronse á nosa comunidade os novos membros da xunta directiva, así como os obxectivos e o plan de ruta para o ano 2025. Este encontro foi unha oportunidade única para reforzar a conexión entre os socios e compartir as estratexias que guiarán a asociación durante este novo ano.

Un dos momentos máis destacados foi o debate aberto sobre temas clave para a industria. Dentro das cuestións máis tratadas, está a necesidade de mellorar o acceso á información e aos recursos para o desenvolvemento de estudios e pequenas empresas. Moitos dos presentes expuxeron os retos a nivel de financiamento, especialmente nas fases iniciais de desenvolvemento, e a necesidade de máis apoio para facer medrar estas iniciativas. 

Outro dos temas que xurdiu durante o debate foi a orientación de estudantes e profesionais noveles na súa entrada ao mundo laboral. A situación de moitos novos talentos que queren empezar nas empresas de videoxogos ou incluso lanzarse á súa propia aventura como desenvolvedores. Valorouse tamén a capacidade dende Videoxogo.gal de impartir formación e asesoramento aos novos membros, colaborando coas institucións educativas para ofrecer apoio práctico e formación específica adaptada ás necesidades do sector.

En definitiva, esta xuntanza foi unha excelente oportunidade para coñecer as expectativas dos socios e poder traballar nun plan de acción que unifique as súas necesidades e obxectivos. Videoxogo.gal está máis comprometida ca nunca co fomento da colaboración, a mellora da profesionalización do sector e a creación de novas oportunidades para tódolos membros da nosa comunidade.

Grazas de novo a quenes participastes nesta xuntanza. A vosa implicación é fundamental para seguir a construír un sector de videoxogos forte, unido e con vistas ao crecemento.