Quen somos?
A Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 2018 e creada como espazo de encontro, visibilización e interconexión de profesionais e empresas do sector dos videoxogos e contidos interactivos en Galicia.
A súa misión principal é representar os intereses económicos, culturais, sociais e profesionais das persoas e empresas que forman parte deste sector, fomentando a innovación, a internacionalización e a creación dunha industria estable e competitiva no territorio galego.
Videoxogo.gal tamén se constitúe como unha plataforma de relación coa administración e outras institucións, participando en procesos de diálogo e colaboración para artellar políticas públicas que respondan ás necesidades específicas das empresas de videoxogos galegas.
- Representación en feiras e encontros profesionais, asistindo a eventos clave para o negocio e o networking tanto dentro como fóra da comunidade, como poden ser o Culturgal (dende 2022 ata 2025), Mundos Dixitais (2022, 2025), a Game Invest Málaga (2022) ou o Weird Market (2022).
- Divulgación e achegamento ao público, con fitos históricos como a inauguración do Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) no 2022, ou proxectos como Videoxogar Galego (2025), Videoxoga Fest (2025) ou mostras de videoxogos galegos como a de Pontiñas (2025).
- Impulso do talento galego, con iniciativas como a Grhelho Jam (2022), ou a participación en eventos multidisciplinares como o FanCine de Lemos (2022), o encontro OMIX Soutomaior (2024) e as Xornadas de Videoxogos e Literatura.
- Participación directa na educación, asistindo directamente aos centros educativos para impartir charlas e realizar obradoiros cos que achegar a industria aos estudantes.
O NOSO TRABALLO
OBXECTIVOS
- Fomentar a profesionalización e consolidación do sector dos videoxogos en Galicia, facilitando recursos, formación e diálogo entre empresas, asociacións e administracións.
- Aumentar a visibilidade dos videoxogos galegos no mercado nacional e internacional, a través da organización e participación en feiras, foros e eventos sectoriais.
- Promover a creación de contidos en galego, reforzando o uso da lingua propia dentro de produtos culturais dixitais.
- Apoiar a utilización das subvencións e programas institucionais, garantindo que as empresas asociadas a Videoxogo.gal teñan acceso e orientación para optar con éxito ás axudas dispoñibles.
- Contribuír á creación de emprego cualificado e á incorporación de colectivos subrepresentados no sector (por exemplo, mulleres e persoas en formación).
