Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
A asociación galega de videoxogos e contidos interactivos comeza o ano cunha nova xunta directiva co obxectivo de dar pulo ao seu crecemento e acadar un maior impacto no sector.
O pasado 30 de decembro tivo lugar, de forma telemática, unha asemblea extraordinaria coa renovación da xunta directiva como única orde do día.
Como resultado da votación, saíu elixido o novo equipo directivo que recollerá a testemuña do anterior para dar continuidade á súa gran labor no eido do videoxogo galego. Esta nova andaina da asociación estará representada por diversos profesionais do sector que contan cunha enorme bagaxe ás súas costas, a saber:
- Rubén Calles Lijó (presidencia), produtor e director de arte no estudo Ao Norte con máis dunha década de experiencia no desenvolvemento de videoxogos. Fundador e organizador de Gente Dando Charlas e Atlantic Games Conference. LinkedIn
- Alba Calvo Porrúa (vicepresidencia), localizadora de videoxogos que participou en máis de 700 títulos publicados, docente no Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo e doutoranda no programa de Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo. LinkedIn
- Uxía Baños Selas (tesourería), desenvolvedora para o motor Unreal e artista 3D sénior con formación en arquitectura e cuxo foco sempre estivo vencellado ás sinerxías entre a arquitecta e os videoxogos. LinkedIn
- Rafael Alcalde Azpiazu (secretaría), con formación en enxeñaría informática, tamén se dedica á organización de eventos de videoxogos e á xestión de mastodon.gal e fediverso.gal. LinkedIn
- Concepción González Agulla (vogalía), directora de desenvolvemento en EA Sports con quince anos de experiencia traballando en recoñecidas empresas da industria como Square Enix, Blizzard Entertainment e Ubisoft. LinkedIn
- Pablo Monroy Romero (vogalía), cofundador do estudo indie OverPowered Team, onde exerce de director de arte e se encarga do desenvolvemento de negocio. LinkedIn
- Nacho Pintos Magdalena (vogalía), director de xogo con experiencia na coordinación de equipos grandes en empresas como King, Scopely ou Bandai Namco Mobile, e mentor de equipos independentes en GameBcn, F2P Campus ou Level Up. LikedIn
- Miguel Ángel Areán Míguez (vogalía), fundador de Polygon-e con máis de 25 anos de experiencia no sector das TIC, na xestión de proxectos, no deseño de videoxogos e dando charlas formativas. LinkedIn
O novo cadro de representantes da asociación, debido á natureza multidisciplinar do videoxogo, adoptará un enfoque holístico no que terán cabida tódalas distintas disciplinas que poden formar parte deste medio: dende o propio desenvolvemento, o deseño, a programación, o guión, a música ou o márketing ata a localización, a dobraxe, o control de calidade, a prensa especializada, a academia ou a formación entre outros axentes da órbita do videoxogo.
Seguindo a liña marcada nestes últimos anos, a asociación traballará para mellorar a comunicación interna e externa, coidar a relación coas entidades colaboradoras públicas e privadas e xerar vencellos con outras novas, crear unha comunidade sólida e comprometida, velar polas empresas e polos profesionais independentes e axudar ao estudantado co fin último de lograr un tecido industrial que facilite a aparición de empresas sólidas que ofrezan empregos estables e de calidade.
Do mesmo xeito, convídase a toda empresa ou profesional do sector do videoxogo ou con interese no mesmo a afiliarse e/ou colaborar na medida que poidan para conseguir vertebrar a industria do videoxogo en Galicia e convertila nun referente a nivel nacional.
Acerca de Videoxogo.gal
Videoxogo.gal é unha asociación sen ánimo de lucro que nace como espazo de encontro, visibilización e interconexión de tódolos profesionais e empresas creadores de videoxogos e contidos interactivos de Galicia. Aspira a converterse nunha canle común de representación a través da cal demandar atención ás necesidades específicas do sector ante organismos tanto públicos como privados. Do mesmo xeito, quere ser a casa de saída onde se dean a coñecer os futuros profesionais, tanto persoas en formación como empresas nacentes. As cotas da asociación invístense na organización de eventos e actividades que aporten un valor ao sector. En definitiva, a idea é contribuír a construír un tecido industrial diverso e estable na nosa comunidade.
www.videoxogo.gal / LinkedIn / X / Facebook

Asociación galega de videoxogos e contidos interactivos
