Reunión do audiovisual galego co Consorcio da Zona Franca de Vigo

O pasado martes 4 de febreiro o Consorcio da Zona Franca de Vigo, encabezado polo Excmo. Sr. alcalde D. Abel Caballero, presidente, e David Regades, vicepresidente e delegado especial do Estado, convocou na súa sede aos representantes do sector audiovisual galego (videoxogos, cine, radio, pódcasts, etcétera). Asistiron perfís moi variados: dende a prensa ata profesionais independentes, empresas, asociacións ou centros de formación.

En representación de Videoxogo.gal, compareceron a vicepresidenta Alba Calvo e os vocais Pablo Monroy e Miguel Ángel Aréan. A finais do ano pasado, o Consorcio licitou por 45 000 euros un estudo sobre a necesidade e a viabilidade de crear un centro para dar apoio ao sector audiovisual na cidade olívica. Finalmente, foi a empresa leonesa NuVe Consulting a gañadora deste concurso público e, polo tanto, quen se está a encargar de escoitar ao sector, valorar posibles liñas de actuación e trazar a súa viabilidade (infraestructuras, ubicación, necesidades tecnolóxicas, etcétera).

O obxectivo principal do Consorcio é darlle pulo á industria do audiovisual en Vigo en particular e en Galicia en xeral. Con esa finalidade, reuniu a todo o clúster audiovisual galego e ao mundo do videoxogo para coñecer de primeira man as necesidades e poder facelo da mellor maneira posible.

Estanse a valorar varios edificios abandoados e/ou ruinosos co obxectivo de rehabilitalos como espazos polivalentes que poidan cubrir as necesidades do audiovisual e dos videoxogos. Dende a asociación, trasladámoslles que o sector do videoxogo se beneficiaría moito de contar cun espazo grande e permanente para dar cabida ao talento xove que queira facer o seu primeiro xogo e, do mesmo xeito, fixemos fincapé tamén na necesidade de apoio institucional e a falta de financiamento.

O seguinte paso será analizar tódalas propostas e seguir en conversas cos diferentes axentes do audiovisual para seguir afinando o proxecto. En definitiva, púxose a primeira pedra dun camiño que debería levar ao videoxogo a un lugar destacado dentro do audiovisual galego.