
Madruga Works estreou este mes o seu terceiro título, “The Mobius Machine”, un metroidvania cun apartado artístico excelente dispoñible en PC (Steam), XBOX X/S e PS5. Ata agora, o xogo tivo un recibimento moderadamente bo, conseguindo un 78% en Steam.
Madruga Works
A día de hoxe, Madruga Works é un dos estudos máis exitosos de Galicia, con 9 anos de historia ás espaldas. Isto era impensable hai 20 anos, cando os seus socios fundadores colaboraban para traernos “Glest”; o primero xogo 3D de estratexia en tempo real feito en Galicia.
O título mostrou a capacidade dos desenvolvedores galegos e pavimentou o camiño para os seus creadores, aínda que este os conduciría máis aló das nosas fronteiras. Martiño Figueroa traballou en varios proxectos de Electronic Arts, entre os que destacan Black, Burnout: Paradise e Need For Speed: Hot Pursuit. Mentres, Tucho Fernández participou en títulos de Ubisoft e Piranha Bytes do calibre de F.E.A.R.3, Risen ou Soma; e co-fundou o estudo UFO Crash Games.
En 2015, sendo xa veteráns, xuntáronse para fundar Madruga Works e lanzar dous xogos, Planetbase e Dawn of Man. Neles, Martiño Figueroa encargouse da programación, mentres Tucho Fernández dirixía o apartado artístico. Ambos xogos foron realizados por un equipo de menos de 10 profesionais.
The Mobius Machine no Museo
Este fin de semana, o Museo do Videoxogo volverá a abrir as súas portas tras rematar a súa participación no Salón do Libro de Pontevedra. O Museo incorporará The Mobius Machine ao seu catálogo e o porá a disposición dos seus visitantes.
ATENCIÓN: novo título e traballo de @madrugaworks https://t.co/Se7jMDhYW0. Estará dispoñible na próxima apertura do #MUVI. @videoxogo_gal #IndustriaGalega #Videoxogos #MetroidVania
— Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (@MuseoVideoxogo) March 14, 2024
