Videoxogo.gal participa en Atlantic Games Conference e Café y videojuegos

Durante o mes de abril, Videoxogo.gal tivo presenza en varios eventos do sector. Ademáis do evento “Videoxogar Galego”, no que se presentaron os proxectos da convocatoria ás axudas de AGADIC, membros da asociación acudiron ao Atlantic Games Conference e ao Café y Videojuegos.

Atlantic Games Conference tivo lugar no Fórum de Carballo durante os días 4 e 5 de abril. Foi un evento adicado especialmente a profesionais e estudantes do sector e víronse presentacións de desenvolvedores nacionais e internacionais, como por exemplo as de Xosé M. Rey (Datalawyers) e Alba Calvo, socios de Videoxogo.gal. A asociación tivo un stand na zona de exposición, dende onde se aproveitou para difundir a nosa actividade e convidar á xente que se achegaba a nos coñecer e se afiliar.

Café y Videojuegos é un evento recurrente que ten lugar principalmente en Santiago de Compostela e que está organizado por Jesús López, socio de Videoxogo.gal. Trátase dunha xuntanza informal que facilita que desenvolvedores, estudantes e afeccionados se poñan cara e compartan a súa experiencia nun ambiente distendido. Alí estiveron Rafa Alcalde e Rubén Calles tamén.