Videoxogo.gal reúnese co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e coa AGADIC

O día 14 de xaneiro, o presidente da asociación Videoxogo.gal, Rubén Calles, acompañado polos vogais Miguel Ángel Areán e Concepción González, reuniuse en representación do novo equipo, con José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, para abordar a situación actual do sector en Galicia, as súas posibilidades e as diferentes vías de acción conxuntas para impulsar o seu desenvolvemento e a súa profesionalización.

Fonte: AGADIC

Entre os temas tratados, destacan a nova liña de axudas mediante a cal a Xunta investirá 150 000 euros en novos proxectos de videoxogos galegos, apoiando así as diferentes fases do proceso que van dende a concepción da idea ata a súa materialización no mercado; as subvencións para asistencia a feiras e foros de negocio especializados ou a recente incorporación ao Sistema Galego de Centros Museísticos do Museo do Videoxogo (MUVI), que se fundou no 2020 en Cangas (Pontevedra).