O venres 10 de maio, o Centro Torrente Ballester acollerá unha nova xornada “Power Up: Videoxogos Aplicados e Persuasivos”, organizada polo Campus Industrial de Ferrol. O evento é coordinado polo Máster de Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da UDC, e conta coa colaboración do Concello de Ferrol.

Programa da terceira edición de “Power Up: Videoxogos Aplicados e Persuasivos”.

O obxectivo principal da xornada é invitar aos asistentes a coñecer mellor o mundo dos videoxogos a través dos profesionais do sector. Ademáis, a cita da tarde estará protagonizada por dous videoxogos elaborados polo alumnado do mestrado desta nova promoción.

Ao longo da mañá, os interesados poden asistir ás charlas de diversos profesionais do sector na Capela do Centro Torrente Ballester, entre os que encontramos tamén algúns socios de videoxogo.gal. Tras a inauguración institucional, ás 10:00 contaremos coa intervención de Belén Gómez Sanz, CEO de Diversifica e experta en xogos serios e gamificación. A continuación, ás 10:45, terá lugar unha mesa redonda con varios expertos en Realidade Virtual, onde participarán Carlos Seijo, de Maxina; Verónica Rodríguez; Félix Menéndez; e, como moderadora, Cristina (Mapache) G. Aradas. Ás 12:45 e tras un breve descanso, Michael Santorum, director narrativo en Tequila Works, pechará a xornada de mañá.

A xornada de tarde desprazará o evento ao Salón de Actos Concepción Areal do Campus de Ferrol, onde os estudantes do Máster de Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos falarannos dos seus proxectos deste curso e tamén haberá algunha sorpresa. Os xogos presentados serán PlatyFrog e What The Hell, ambos xogos de plataformas, pero con propostas moi distintas.

Podedes solicitar máis información no correo comunicación.campus.industrial@udc.gal ou chamar ao teléfono 881 01 3621.